Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica en Galicia
|
Ruidos.org
Normas
|
A contaminación acústica xera unha serie de problemas de indubidable
transcendencia social. Proba diso é que gran parte das denuncias suscitadas
ante os órganos municipais e autonómicos competentes en materia ambiental e
moitas das queixas formuladas perante o Valedor do Pobo e institucións análogas
doutras comunidades autónomas teñen por obxecto actividades que provocan ruído
e vibracións excesivas e molestas.
A transcendencia desta problemática non sempre se viu acompañada da adecuada
atención por parte dos órganos do Estado, das comunidades autónomas e das
entidades locais con potestade normativa. Ata a data, a regulación da
contaminación acústica limitábase a certas previsións colaterais contidas no
Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas, do 30 de
novembro de 1961, na lexislación xeral sobre medio ambiente das comunidades
autónomas e en ordenanzas municipais aprobadas por algúns municipios.
Por tal razón, considérase necesaria unha regulación específica que harmonice o
dereito dos citadáns a organizaren as súas actividades económicas, productivas
e recreativas con liberdade e respecto á lei,e o que igualmente asiste a
tódalas persoas para gozaren da intimidade e do descanso sen seren perturbadas
e mais dun medio ambiente axeitado para o desenvolvemento da personalidade.
Considérase necesario aborda - la regulación desta materia a través dunha norma
con rango de lei, fundamentalmente por dúas, razóns:
a) Dota - la Comunidade Autónoma dun marco normativo homoxéneo que poida ser
desenvolvido e concretado polos municipios a través de ordenanzas municipais.
b) Salvagarda - lo prinicipio de legalidade na tipificación de infraccións e
regulación das sancións que teñan por obxecto específico as actividades
xeradoras de ruído ou vibracións molestas e excesivas.
A lei consta dun
título I
no que se conteñen disposicións xerais referidas ó obxecto e ámbito da lei e
ás competencias administrativas sobre a materia.
O
título II
consta dun único artigo que se remite a un anexo da lei en todo o relativo a
definicións, clasificacións de ruído, niveis máximos admisibles e equipos de
medición. O carácter técnico deste aspecto da lei aconsellou non recollelo no
seu articulado e incluílo no seu anexo.
O
título III
regula o réxime xurídico das actividades susceptibles de produciren ruído e
vibracións, tratando de se acomodar, no posible, á lexislación xeral de Galicia
en materia de medio ambiente. Tales actividades cualifícanse como molestas e,
en consecuencia sométense a un procedemento de incidencia ambiental.
O
título IV
contén unhas normas xerais en materia de inspección, un cadro de infraccións e
sancións e certas especialidades en materia de procedemento sancionador, todo
isto sen prexuízo da aplicación supletoria da normativa xeral sobre estas
materias.
Por último, o
título V
regula o réxime das relacións interadministrativas, que se centra
fundamentalmente no control de legalidade da actuación dos municipios no
exercicio das competencias que lles atribúe a lei, de conformidade con previsto
na lexislación de réxime local, e na previsión de que a Comunidade Autónoma
preste asistencia, a través de convenios de colaboración con aqueles municipios
que carezan dos medios técnicos ou humanos precisos para o exercicio das súas
competencias.
Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co
artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de
febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El -
Rei, a Lei de protección conta a contaminación acústica.
Título I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto da lei.
Esta lei ten por obxecto a protección das persoas contra os ruídos e as
vibracións imputables a calquera causa. Os cidadáns teñen dereito a desfrutaren
da súa intimidade e dun contorno adecuado para o normal desenvolvemento das
súas actividades, sen seren perturbados por ruídos ou vibracións que poidan
dana - la súa saúde ou ocasionarlles molestias.
As administracións públicas competentes adoptarán as medidas precisas para o
cumprimento do disposto nesta lei, de oficio ou por demanda dos cidadáns.
Artigo 2. Ámbito da lei.
1. Quedan sometidos ás prescricións establecidas nesta lei as actividades, as
instalacións e os comportamentos que xeren ruídos ou vibracións susceptibles de
produciren molestias e se atopen situados ou se exerzan no territorio da
Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Igualmente, as prescricións esteblecidas nesta lei aplicaránselles a tódolos
elementos constructivos constituíntes da edificación, en tanto en canto
facilitan ou dificultan a transmisión dos ruídos e das vibracións producidos no
seu contorno.
Artigo 3. - Competencia administrativa.
1. Correspóndelles ós concellos dictar ordenanzas sobre ruídos e vibracións.
2. Correspóndelle á Xunta de Galicia:
a) A asistencia e o control da Administración municipal, no exercicio das súas
competencias e nos termos previstos no título V desta lei.
b) Dicta - los regulamentos que sexan necesarios para garanti - la aplicación
homoxénea desta lei en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Dictar regulamentos de desenvolvemento desta lei que sexan aplicables
naqueles concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que non teñan aprobadas
ordenanzas municipais sobre ruído e vibracións.
Título II
Réxime xurídico das actividades susceptibles de produciren ruídos e vibracións
Capítulo I
Normas xerais
Artigo 4. - Regulación do ruído das actividades relacionadas cos usos
productivo e terciario e co equipamento.
1. Tódalas actividades susceptibles de produciren ruídos e vibracións quedan
sometidas ó disposto neste título.
2. En todo caso, a transmisión de ruídos e vibracións orixinados como
consecuencia daquelas actividades deberá axustarse ós límites establecidos no
título II do anexo desta lei. Os titulares das ditas actividades estarán
obrigados a adopta - las medidas de insonorización das súas fontes sonoras e de
illamento acústico dos locais para cumpriren en cada caso as prescricións
establecidas.
3. As actividades que produzan unha perturbación por ruídos ou vibracións
deberán someterse ó procedemento de avaliación de incidencia ambiental.
4. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, en tódolos proxectos de
obras ou instalacións industriais, comerciais e de servicios que poidan
provocar ruídos ou vibracións achegarase un estudio xustificativo do
cumprimento das medidas establecidas nesta lei, nos seus regulamentos de
desenvolvemento e nas ordenanzas municipais sobre esta materia. O dito estudio
axustarase ó disposto nos regulamentos que desenvolva esta lei.
No control do visado os colexios profesionais comprobarán que os proxectos se
axusten a esta lei, á súa normativa de desenvolvemento regulamentario e ás
ordenanzas municipais correspondentes.
5. A autoridade municipal non outorgará licencia de apertura das instalacións,
das actividades ou dos establecementos sometidos ó disposto nesta lei se os
proxectos presentados polos interesados non se axustan ó disposto nela. Non se
poderá inicia - la actividade ou poñer en funcionamento as instalacións en
tanto que non estea comprobado polos órganos inspectores ou mediante
certificación expedida por empresas ou entidades homologadas que se cumpre a
normativa sobre contaminación acústica.
6. Nas licencias de apertura e nas declaracións de incidencia ambiental deberán
sinalarse as medidas correctoras e os controis que deberán cumpri - las
actividades e instalacións, indicándose expresamente que o incumprimento destas
pode dar lugar á revogación daquelas licencias ou autorizacións.
7. Unha vez iniciada a actividade ou postas en funcionamento as instalacións,
tamén poderán realizarse inspeccións para comprobar que as actividades e
instalacións cumpren a normativa. Como consecuencia destas, poderán incoarse os
correspondentes procedementos sancionadores ou ben acordar medidas correctoras
ou de control.
As comprobacións ás que se refire este artigo rexeranse polo disposto na
lexislación ambiental de Galicia.
8. Tódalas obras, instalacións ou actividades que, de conformidade co disposto
na normativa estatal básica sobre a materia e na Lei de protección ambiental de
Galicia, estean sometidas a un procedemento de avaliación de impacto ambiental
ou de avaliación de efectos ambientais deberán conter un estudio acreditativo
do seu impacto acústico. Na declaración que se dicte, que terá carácter
vinculante, deberán impoñerse as medidas correctoras precisas.
Capítulo II
Tráfico
Artigo 5. - Regulación do ruído do tráfico.
1. Todo vehículo de tracción mecánica deberá ter en boas condicións de
funcionamento o motro, a transmisión, a carrocería e os demais órganos capaces
de produciren ruídos, co fin de que o nivel sonoro emitido polo vehívulo ó
circular co motor en marcha non exceda dos límites que establece esta lei.
2. Os límites máximos admisibles para ruídos emitidos polos distintos vehículos
de motor en circulación serán os establecidos para as emisións de vehículos
terrestres, así como para as emisións de aeronaves, na lexislación estatal
vixente.
3. Nos casos nos que se afecte notoriamente a tranquilidade da poboación, o
Concello poderá sinalar zonas ou vías nas que algunhas clases de vehículos de
motor non poidan circular ou deban facelo de forma restrinxida en horario e
velocidade. Para efectos do establecido no parágrafo anterior, considéranse as
zonas que soporten un nivel de ruído, debido ó tráfico rodado, que alcance
valores de nivel continuo equivalente (LpAeq) superior a 55 dB durante o
período nocturno e a 65 dB no período diurno.
Capítulo III
Edificación
Artigo 6. - Regulación do ruído na edificación.
1. As condicións acústicas esixibles ós diversos elementos constructivos que
compoñen a edificación serán as determinadas no capítulo III da Norma básica de
edificación sobre condicións acústicas (NBE - CA - 88).
2. Exclúense do apartado anterior os forxados constitutivos da primeira planta
da edificación, cando a dita planta sexa de uso residencial e na planta baixa
poidan localizarse, conforme o planeamento, usos susceptibles de produciren
molestias por ruídos ou vibracións.
Nestes casos, o illamento acústico bruto o ruído aéreo esixible será de, polo
menos, 55 dB(A).
3. Os aparellos elevadores, as instalacións de ventilación e acondicionamento
de aire e as súas torres de refrixeración, a distribución e evacuación de
augas, a transformación de enerxía eléctrica e os demais servicios dos
edificios serán instalados coas precaucións de localización e illamento que
lles garantan un nivel de transmisión sonora ós localis e ambientes próximos
que cumpra co disposto no título II do anexo desta lei.
4. Co fin de evitar no posible a transmisión de ruído a través da estructura da
edificación, deberán como mínimo terse en conta as normas establecidas nos
seguintes apartados:
4.1. Todo elemento con órganos móbiles manterase en perfecto estado de
conservación, principalmente no que se refire á suavidade dos seus rodamentos.
4.2. Non se permitirá a ancoraxe directa de máquinas ou soportes destas nas
paredes medianeiras, teinas ou forxados de sepración de recintos, senón que se
realizará interpoñendo os adecuados dispositivos antivibratorios.
4.3. As máquinas de arrinque violento, as que traballen por golpes ou choques
bruscos e as dotadas de órganos con movemento alternativo deberán estar
ancoradas en bancadas independentes, sobre o solo e illadas da estructura da
edificación por medio dos adecuados antivibradores.
4.4. Os conductos polos que circulen fluídos líquidos ou gasosos en forma
forzada, conectados directamente con máquinas que teñan órganos en movemento,
dispoñerán de dispositivos de sepración que impidan a transmisión das
vibracións xeradas en tales máquinas. As bridas e os soportes dos conductos
terán elementos antivibratorios. As aberturas dos muros para o paso das
conduccións dotaranse de materiais antivibratorios.
4.5. Nos circuítos de auga evitarase a producción dos golpes de elevadores
hidráulicos, e as seccións e a disposición das válvulas e da billame deberán
ser tales que o fluído circule por elas en réxime laminar para os gastos
nominais.
5. A partir da presentación do correspondente certificado de fin de obra, o
Concello comprobará o cumprimento das prescricións establecidas neste título.
Tal cumprimento poderá acreditarse mediante certificación expedida por empresas
ou entidades homologadas. Sen o informe favorable sobre o cumprimento dos
requisitos acústicos esixidos non se concederá a licencia de primeira
utilización.
Capítulo IV
Actividades varias
Artigo 7. - Regulación do ruído para actividades varias.
1. Con carácter xeral non se permitirá o emprego de ningún dispositivo sonoro
con fins de propaganda, reclamo, aviso ou esparexemento.
Esta prohibición non rexerá nos casos de alarma, urxencia ou especial
significación cidadá, determinada polos concellos.
2. Nos traballos realizados tanto na vía pública coma na edificación non se
autorizará o emprego de maquinaria que teña un nivel de emisión externo (NEE)
superior a 90 dB(A), medido na forma que se fixe regulamentariamente.
3. Os traballos realizados tanto na vía pública coma na edificación non poderán
realizarse entre as 22 horas e as 08 horas do día seguinte se producen niveis
sonoros superiores ós establecidos con carácter xeral no título II do anexo
desta lei.
4. Exceptúanse da prohibición anterior as obras urxentes, as que se realicen
por razóns de necesidade ou perigo e aquelas que polos seus inconvenientes non
poidan levarse a cabo durante o día. O traballo nocturno deberá ser
expresamente autorizado polo Concello, que determinará os límites sonoros que
deberá cumprir en función das circunstancias que concorran en cada caso, sen
prexuízo do establecido na lexislación laboral.
5. Cando o anormal funcionamento dun sistema de alarma lle produza molestias á
veciñanza e non sexa posible localiza - lo responsable ou titular da dita
instalación, o órgano municipal competente, en cumprimento do disposto no
artigo 20 desta lei, procederá a desmontar e retira - lo sistema de alarma.
6. Calquera outra actividade que implique unha perturbación por ruídos da
veciñanza entenderase incursa no réxime sancionador desta lei.
Capítulo I
Disposicións xerais
Artigo 8. - Remisión normativa.
Seralle aplicable a esa materia o disposto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de
protección ambiental de Galicia, e no Decreto 156/1995, do 3 de xuño, de
inspección ambiental, así como no capítulo II do título IX da Lei 30/1992, do
26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común, e no Real decreto 1.398/1993, do 4 de
agosto, polo que se aproba o Regulamento de procedemento para o exercicio da
potestade sancionadora.
Capítulo II
Inspección e vixilancia
Artigo 9. - Inspección.
Correspóndelles ós concellos exerce - lo control do cumprimento desta lei,
esixi - la adopción de medidas correctoras necesarias, sinalar limitacións,
realizar cantas inspeccións se requiran e aplica - las sancións correspondentes
en caso de incumprimento. Cando para a realización de inspeccións sexa
necesario entrar nun domicilio, será preceptiva a correspondente autorización
xudicial. Nos demais supostos, os funcionarios municipais ós que lles competa a
inspección das instalacións ou dos establecementos estarán facultados para
acceder, se é o caso, a eles sen previo aviso e sempre que se identifiquen. A
Administración local desenvolverá a súa propia inspección de cara ó correcto
exercicio da sua competencia no marco desta lei e demais normas reguladoras do
réxime local.
Non obstante, cando a Administración local se considere imposibilitada para o
exercicio da competencia de inspección, esta poderá solictárlle - lo auxilio en
tal función á Administración autonómica ou ás empresas habilitadas ó respecto
pola Xunta de Galicia, de acordo co estipulado no artigo 25 desta lei.
Artigo 10. - Denuncias.
As visitas de inspección poderán levarse a cabo por propia iniciativa municipal
ou por solicitude previa de calquera interesado. As solicitudes conterán,
ademais dos datos esixibles na lexislación que regula o procedemento
administrativo, os datos precisos para a realización da visita de inspección.
Nos casos de recoñecida urxencia, cando os ruídos resulten altamente
perturbadores ou cando sobreveñan ocasionalmente por uso abusivo, deterioración
ou deficiente funcionamento das instalacións, dos aparellos ou dos equipos,a
solicitude de visita de inspección poderá formularse directamente perante os
servicios de inspección, tanto de palabra coma por escrito.
Artigo 11. - Actas de inspección.
As visitas de inspección realizaranse tendo en conta as características do
ruído e das vibracións, e para talfin as medicións relativas a ruído obxectivo
realizaranse logo de citación ó responsable do foco ruidoso e as medicións
relativas a ruído subxectivo poderán practicarse sen o coñecemento do titular,
sen prexuízo de que neste caso poida ofrecérselle ó responsable do foco ruidoso
unha nova medición na súa presencia para o seu coñecemento. En todo caso,
concluídas as medicións entregaráselles ós interesados unha copia do resultado
destas. As actas emitidas polos órganos competentes gozan de presunción de
veracidade en canto ós feitos contidos nelas e constitúen proba suficiente para
os efectos do correspondente procedemento sancionador. Tal presunción esténdese
ás medicións realizadas coninstrumentos que reúnan os requisitos
regulamentariamente establecidos. En tales medicións, tanto a autoridade
competente coma o responsable sobre o que recaia a inspección poderán solicita
- la asistencia de empresas ou entidades debidamente homologadas, de acordo co
que se dispoña nos regulamentos de desenvolvemento e nas ordenanzas municipais.
Os concellos establecerán nas súas ordenanzas o tipo de aparellos homologados
para a realización das medicións.
Capítulo III
Infraccións e sancións
Artigo 12. - Clasificación de infraccións e sancións.
Consideraranse infraccións administrativas as accións ou omisións que
contraveñan as disposicións desta lei. As infraccións clasifícanse en leves,
graves e moi graves, de conformidade coa tipificación contida nos artigos
seguintes.
Artigo 13. - Faltas leves.
Constitúe falta leve:
a) A superación dos límites admitidos ata 5 dB(A).
b) A transmisión de niveis de vibración correspondentes á curva base
inmediatamente superior á máxima admitida para cada situación.
c) Calquera outra infracción ás normas desta lei non cualificada expresamente
como falta grave ou moi grave.
d) A realización das actividades non permitidas polo artigo 7.
e) A circulación de vehículos de motor co escape libre e con silenciadores
ineficaces, incompletos, inadecuados ou deteriorados.
f) A non presentación dos vehículos ás inspeccións.
Artigo 14. - Faltas graves.
Constitúe falta grave:
a) A superación en máis de 5 dB(A) dos valores límite admitidos.
b) A transmisión de niveis de vibración correspondentes a dúas curvas base
inmediatamente superiores á máxima admitida para cada situación.
c) A vulneración expresa dos requirimentos municipais para a corrección das
deficiencias observadas.
d) A negativa ou obstrucción ó labor inspector. Considérase, en todo caso, como
resistencia á actuación inspectora impedirlles ós funcionarios competentes a
entrada nos recintos e locais onde deban realizarse as inspeccións, sempre e
cando a Administración actuante observase os requisitos formais establecidos
nesta lei.
e) A reincidencia en faltas leves no prazo de doce meses.
f) A iniciación de actividades ou a apertura de establecementos e instalacións
susceptibles de produciren ruídos ou vibracións sen obte - la previa
autorización ou licencia.
g) A transgresión ou o incumprimento das condicións impostas na autorización ou
licencia, así como a non adopción, dentro do prazo concedido, das medidas
correctoras sinaladas polo órgano competente. Neste último suposto, os suxeitos
responsables poderán evita - la imposición da sanción se proceden
voluntariamente á paralización ou non iniciación da actividade.
Artigo 15. - Faltas moi graves.
Constitúe falta moi grave:
a) A superación en máis de 15 dB(A) dos valores límite admitidos.
b) A transmisión de niveis de vibración correspondentes a máis de dúas curvas
base inmediatamente superiores á máxima admitida para cada situación.
c) A reincidencia en faltas graves no prazo de doce meses.
d) O incumprimento das ordes de clausura dos establecementos ou de paralización
da actividade acordadas pola autoridade competente.
Artigo 16. - Sancións.
1. As infraccións ós preceptos desta lei sancionaranse da forma seguinte:
a) Infraccións leves, con multa desde 10.000 ata 250.000 pesetas.
b) Infraccións graves, con multa de 250.001 ata 1.500.000 pesetas, clausura
temporal do establecemento ou paralización da actividade por un espacio de
termpo non superior a seis meses.
c) Infraccións moi graves, con multa de 1.500.001 ata 10.000.000 de pesetas,
clausura do establecemento ou paralización da actividade por espacio superior a
seis meses ou con carácter definitivo.
2. Sempre que a comisión da infracción se producise por primeira vez e a
corrección da emisión do ruído que orixinou a sanción se fixese nun prazo de
corenta e oito horas, reducíndoa ó nivel autorizado, a sanción impoñerase no
seu grao mínimo. En todo caso, o prazo computarase a partir da comprobación da
comisión da infracción.
3. A sanción de clausura temporal ou definitiva poderá impoñerse naquelas
infraccións nas que se aprecie reiterada resistencia ó cumprimento do ordenado
pola Alcaldía ou manifesta actitude do titular da instalación no sentido de
dificultar, falsear ou desvirtua - lo resultado da inspección.
Artigo 17. - Indemnización de danos.
Na resolución que poña fin ó procedemento sancionador poderá acordarse, á parte
da imposición da sanción correspondente, a adopción de medidas correctoras, así
como a indemnización dos danos e perdas ocasionados como consecuencia da
actividade infractora. Para a execución dos ditos actos, se o infractor non os
cumprise voluntariamente no prazo que se lle sinale, poderán impoñérselle
multas coercitivas sucesivas de ata 500.000 pesetas cada unha. Igualmente
poderá ordenarse a execución subsidiaria nos termos previstos no artigo 98 da
Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común.
Artigo 18. - Solución de conflictos.
Os concellos poderán crear órganos de mediación para a solución dos conflictos
que deriven da contaminación acústica, nos que tamén participarán os veciños.
Artigo 19. - Prescrición.
As infraccións ás que se refire esta lei prescribirán nos seguintes prazos,
desde a comisión do feito:
a) Seis meses, no caso de infraccións leves.
b) Dous anos, no caso de infraccións graves.
c) Catro anos, no caso de infraccións moi graves.
Con independencia das demais medidas que se adopten para garanti - la eficacia
da resolución que no seu momento se dicte, con carácter cautelar o Concello
poderá acorda - la inmediata adopción de medidas correctoras imprescindibles
para evita - los danos ou as molestias graves que se estean ocasionando como
consecuencia das actividades presuntamente infractoras. Igualmente, e co mesmo
carácter cautelar, podera acordarse a paralización da actividade ou a clausura
das instalacións ou dos establecementos cando a producción de ruídos ou
vibracións supere os niveis establecidos para a súa tipificación como falta moi
grave, ou ben cando, acordada a adopción de medidas correctoras, o requirimento
municipal resultase incumprido no prazo que para o efecto se sinale. Tamén
poderá acordarse o precinto de equipos, así como calquera outra medida que se
considere imprescindible para evita - la persistencia na actuación infractora.
As ditas medidas adoptaranse logo de audiencia do interesado, por un prazo de
cinco días, agás naqueles casos que esixan unha actuación inmediata.
Artigo 21. - Definición e obxectivos.
1. A auditoría sobre ruídos e vibracións é un proceso de avaliación
sistemática, obxectiva, independente e periódica en materia de ruídos e
vibracións nas actividades susceptibles de control.
2. Os obxectivos básicos das auditorías son o establecemento e a aplicación,
por parte das empresas ou institucións, de sistemas de xestión internos para a
protección contra o ruído e as vibracións, a avaliación sistemática dos
resultados obtidos que permita establecer e adopta - las medidas
complementarias para reduci - la incidencia ambiental e a información xeral
sobre o comportamento delas en materia de ruídos e vibracións.
Artigo 22. - Concesión de axudas.
A Comunidade Autónoma de Galicia poderá concederlles axudas económicas, logo de
convocatoria pública, ás empresas ou institucións para a realización das
mencionadas auditorías, coa condició de que posteriormente executen as medidas
correctoras recollidas nos correspondentes informes.
Título V
Relacións interadministrativas e de auxilio.
Artigo 23. - Obriga de informar.
A Comunidade Autónoma e os concellos poderán mutuamente solicitarse e obter
información concreta sobre a actividade da outra Administración en materia de
contaminación acústica.
Artigo 24. - Exercicio de accións.
Cando a Administración autonómica considere, no ámbito das súas competencias,
que nun acto ou acordo dalgunha entidade local se infrinxa o ordenamento
xurídico, poderá requirila, invocando expresamente este artigo, para que anule
o mencionado acto ou acordo.
Artigo 25. - Convenios cos concellos.
No caso de que os concellos non conten cos medios técnicos ou humanos
necesarios para cumpriren a función de control que esta lei lles atribúe,
poderán reclama - lo auxilio da Administración autonómica, que se prestará
mediante convenio subscrito entre ela e os concellos, por instancia destes. De
igual xeito, poderán reclama - lo auxilio de empesas ou entidades
especializadas, as cales deberán ser previamente homologadas, segundo os
criterios que se fixarán no correspondente regulamento.
Disposicións adicionais
Primeira.-No prazo de dous anos, os concellos de Galicia deberán proceder a
adapta - las súas ordenanzas en materia de ruídos ó disposto nesta lei e nas
disposicións que a desenvolvan.
Segunda.-No prazo dun ano, contado desde a entrada en vigor desta lei, deberán
aprobarse as normas regulamentarias que a desenvolvan.
Terceira.-Polas autorizacións administrativas ás que se refire esta lei serán
esixibles as taxas correspondentes de conformidade coa lexislación vixente. Nas
licencias de primeira utilización e primeira apertura de establecementos, a
taxa consideranse incluída na taxa xeral de apertura da actividade ou primeira
utilización.
Cuarta.-No caso de que o contido do disposto no anexo desta lei resulte
afectado por normas estatais ou da Unión Europea, facúltase a Xunta de Galicia
para dicta - las correspondentes normas de adaptación a elas.
Quinta.-No caso das infraestructuras viarias e variantes de poboación
preexistentes, o prazo de adaptación ó establecido nesta lei axustarase ás
previsións dos plans aprobados.
Tódolos estudios, anteproxectos ou proxectos de estradas sometidos ó
procedemento de avaliación do impacto ambiental, así como os de novas estradas,
deberán conter un estudio de impacto acústico. Regulamentariamente
determinaranse as metodoloxías de previsión, medición e sistemas de control, en
función das intensidades medias de tráfico.
Sexta.-A Xunta de Galicia, no ámbito das súas competenciass, fixará
regulamentariamente de xeito harmonizado e homologado os métodos de medición da
contaminación ambiental nas súas diferentes categorías de fontes e ruídos.
Disposición transitoria
Os titulares das actividades legalmente autorizadas ou en trámite na data de
entrada en vigor desta lei dispoñen dun período dun ano, a partir da súa
vixencia, para faceren efectivas as medidas correctoras necesarias para o
cumprimento dos niveis máximos de emisión e transmisión sonora e de vibracións,
podendo prorrogarse o prazo preceptuado anteriormente por resolución do alcalde
en casos debidamente xustificados, nos que deberá sinalarse o novo prazo para a
adaptación, que non será superior a seis meses.
Disposición derrogatoria
Quedan derrogadas cantas disposicións, de igual ou inferior rango, se opoñan ó
disposto nesta lei.
Disposición derradeira
Facúltase o Consello da Xunta para dictar cantas disposición sexan precisas
para o desenvolvemento e a execución desta lei.
Santiago de Compostela, once de agosto de mil novecentos noventa e sete.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Anexo á Ley de Protección contra a Contaminación Acústica
Título I
Definicións, clasificación e técnicas de medición
Capítulo I
Definicións
Artigo 1. - Niveis de emisión e de recepción.
Para os efectos desta lei, enténdese por:
1. Nivel de emisión.
É o nivel de presión acústica orixinado por unha fonte sonora.
O nivel de presión acústica (LpA) en decibelios, dB(A) - submúltiplo do belio
- , queda definido pola relación:
L
pA
= 10 Log (P
A
/ P
0
)
2
, sendo:
P
A
= Valor eficaz da presión acústica producida pola fonte sonora, ponderado
conforme a curva de referencia normalizada (A).
P
0
= Presión acústica de referencia, de valor: 2x10
-5
Nw/m
2
(pascais). Limiar de audición para un oído san a unha frecuencia de 1.000 Hz.
O nivel continuo equivalente (L
Aeq,T
) é o nivel de presión acústica eficaz ponderado e promediado durante un tempo
de medición.
L
Aeq,T
= 10 Log [(1/T)
ò
0
T
(P
A
2
/ P
0
2
) dt]
ou alternativamente mediante a ecuación:
L
Aeq,T
= Log [
S
(t
i
/ 100) 10
0.1 L
pAi
]
Onde:
t
i
/ 100 é o valor numérico da porcentaxe de tempo da duración total do ensaio,
T, correspondente ó nivel de presión acústica LpAi cos Lpi dispostos en
intervalos de clase inferiores ou iguais a 1 dB.
L
pAi
son os niveis de presión acústica ponderados, A, obtidos cunha instrumentación
que cumpra os requisitos esixidos ós aparellos de clase 1 na norma IEC - 651,
UNE - EN 60.651, utilizando a característica temporal lenta.
1.1. Nivel de emisión interno (NEI). É o nivel de presión acústica existente
nun determinado local, onde funcionen unha ou máis fontes sonoras
1.2. Nivel de emisión externo (NEE). É o nivel de presión acústica orixinado
por unha ou máis fontes sonoras que funcionen no espacio libre exterior.
2. Nivel de recepción.
É o nivel de presión acústica existente nun determinado
lugar orixinado por unha fonte sonora que funciona nun lugar distinto.
2.1. Nivel de recepción interno (NRI). É o nivel de recepción medido no
interior dun local. Á súa vez distínguense dúas situacións:
2.1.1 Nivel de recepción interno con orixe interna (NRII). É aquel nivel
recepción interno orixinado por unha fonte sonora ou vibrante que funciona
noutro recinto, situado no propio edificio ou nun edificio estremeiro.
2.1.2. Nivel de recepción interno con orixe externa (NRIE). É aquel nivel de
recepción interno orixinado por unha abundancia sonora que procede do espacio
libre exterior.
2.2. Nivel de recepción externo (NRE). É o nivel de recepción medido nun
determinado punto situado no espacio libre exterior.
Capítulo II
Clasificións
Artigo 2. - Clasificación do ruído.
Para os efectos desta lei, os ruídos clasifícanse en:
1. Ruído continuo.
É aquel que se manifesta ininterrompidamente durante máis de
dez minutos. Á súa vez, dentro deste tipo de ruído diferéncianse tres
categorías:
1.1. Ruído continuo uniforme. É aquel ruído continuo cun nivel de presión
acústica (LpA), utilizando a posición de resposta «lenta» do equipo de
medición, que se mantén constante ou ben os límites nos que varía difiren en
menos de ±3 dB(A), en períodos de medición de dous minutos.
1.2. Ruído continuo varialbe. É aquel ruído cun nivel de presión acústica
(LpA), utilizando a posición de resposta «lenta» do equipo de medición, que
varía entre uns límites que difiren entre ±3 e ±6 dB(A).
1.3. Ruído continuo fluctuante. É aquel ruído cun nivel de presión acústica
(LpA), utilizando a posición de resposta «lenta» do equipo de medición, que
varía entre uns límites que difiren en ±6 dB(A).
2. Ruído transitorio.
È aquel que se manifesta ininterrompidamente durante un
período de tempo igual ou menor de cinco minutos. A súa vez, dentro deste tipo
de ruído diferéncianse tres categorías:
2.1. Ruído transitorio periódico. É aquél ruído que se repite con maior ou
menor exactitude, cunha periodicidade de frecuencia que é posible determinar.
2.2. Ruído transitorio aleatorio. É aquel ruído que se produce de forma
totalmente imprevisible, polo que para a súa correcta valoración é necesaria
unha análise estatística da variación termporal do nivel sonoro durante un
tempo suficientemente significativo.
2.3. Ruído de fondo. É aquel ruído existente nun determinado ambiente ou
recinto cun nivel de presión acústica que supera o 90% dun tempo de observación
suficientemente significativo en ausencia do ruído obxecto da inspección.
Co fin de poder diferenciar e pondera - los diversos ruídos con maior precisión
e racionalidade, efectúase unha segunda clasificación do ruído, tendo en conta
a relación establecida entre a fonte sonora ou vibrante causante da molestia e
o propietario ou manipulador da dita fonte. Deste xeito, considéranse dous
tipos de ruídos que presentan características comúns:
a) Ruído obxectivo.
É aquel ruído producido por unha fonte sonora ou vibrante
que funciona de maneira automática, autónoma ou aleatoria, sen que interveña
ningunha persoa que poida varia - las condicións de funcionamento da fonte.
b) Ruído subxectivo.
É aquel ruído producido por unha fonte sonora ou vibrante
cunhas condicións de funcionamento que quedan supeditadas á vontade do
manipulador ou titular da dita fonte.
Para os efectos desta lei, considérase dividido o día en dous períodos
horarios, denominados: diurno, desde as 08.00 horas ata as 22.00 horas, e
nocturno, entre as 22.00 horas e as 08.00 horas.
Capítulo III
Técnicas de medición
Artigo 3. - Equipos de medición.
Os ruídos mediranse mediante sonómetros, instrumentos deseñados e construídos para responder ó son de forma similar a como reacciona o oído humano, podendo obterse medidas obxectivas reproducibles do nivel de presión sonora.
1. O grao de precisión dos sonómetros utilizados para a medición do nivel acústico, do illamento acústico e do nivel de vibración será do tipo 1. Os ditos sonómetros deber ser integradores e analizadores con posibilidade de obtención de datos estatísticos e de rexistro. No caso de que o ruído ambiental conteña impulsos, farase necesario utilizar instrumentación que cumpra a norma IEC-804, UNE-EN 60.804.
Para os efectos da clasificación da precisión dos sonómetros será aplicable o establecido nas normas IEC-651-79 e UNE 60.651. O micrófono utilizado será de campo libre e estará orientado naquela dirección na que a resposta en frecuencia sexa máis uniforme.
Para asegura - la fiabilidade da medición, tódalas que se realicen no exterior requirirán o uso de pantallas protectoras antivento.
2. Ó inicio e ó final de cada medición acústica efectuarase unha comprobación
do sonómetro, utilizando para isto un calibrador sonoro apropiado. Esta
circunstancia recollerase no informe de medición, así como a contrastación,
alomenos anualmente, cun laboratorio oficial ou privado debidamente autorizado.
Artigo 4. - Determinación do nivel de ruído e vibración.
1. A determinación do nivel de ruído realizarase e expresarase en decibelios,
corrixidos conforme a rede de ponderación normalizada mediante a curva de
referencia tipo (A), definida na norma UNE-EN 60.651.
2. A posta en estación do equipo de medición realizarase de conformidade cos
requisitos establecidos no regulamento da lei, de acordo coas características
ambientais nas que se desenvolve o ruído obxecto da medición.
3. A característica introducida no equipo de medición (lento, rápido ou
estatístico) será a establecida no regulamento da lei, en función da varición
do ruído respecto do tempo (artigo 2 deste anexo).
As vibracións son unha causa de contaminación acústica producida polo
inadecuado funcionamento de máquinas ou instalacións.
As vibracións mediranse con acelerómetros, ós que se lles conectará un
sonómetro que realizará as funcións de análise e valoración.
4. A determinación do nivel de vibración realizarase de acordo con establecido
na norma ISO-2631-2, apartado 4.2.3.
A magnitude determinante da vibración será a súa aceleración expresada como
valor eficaz (rms) en m / s
2
e corrixida mediante a aplicación das ponderacións
de acordo co establecido na norma ISO-2631-1, apartado 3.5.
5. Para cuantifica - la intensidade da vibración utilizarase calquera dos
procedementos que se indican nos apartados seguintes:
5.1. Determinación por lectura directa da curva que corresponde á vibración
considerada.
5.2. Medición do espectro da vibración considerada en bandas de tercio de
oitava (entre 1 e 80 Hz) e determinación posterior da curva base mínima que
contén o dito espectro.
Para o caso de variación dos resultados obtidos por un outro sistema
considerarase o valor máis elevado.
Artigo 5. - Medición do illamento acústico.
A medición do illamento acústico, esixido ás distintas particións e solucións
constructivas que compoñen os diversos recintos das edificacións, realizarase
seguindo as prescricións establecidas na norma UNE 74-040.
Título II
Niveis de ruído e vibración admisibles
Capítulo I
Niveis de avaliación
Artigo 6. - Determinación dos niveis de avaliación.
1. As recepcións e as emisións determínanse mediante os niveis de avaliación.
2. Os niveis de avaliación determínanse separadamente por:
A) Recepción:
a) A recepción no ambiente exterior producida polo tránsito rodado (NRE).
b) A recepción no ambiente exterior producida polas actividades e pola
veciñanza (NRE).
c) A recepción no ambiente interior producida polas actividades e pola
veciñanza (NRII - NRIE).
d) A recepciónde vibracións no ambiente interior.
B) Emisión:
a) A emisión de ruído das actividades no ambiente exterior (NEI - NEE).
b) A emisión de ruído dos vehículos (NEE).
c) A emisión de ruído da maquinaria (NEI - NEE).
Todos estes niveis serán medidos na forma e nas condicións sinaladas no
regulamento.
Artigo 7. - Zonas de sensibilidade acústica.
1. Enténdese por zona de sensibilidade acústica aquela parte do territorio que
presenta un mesmo rango de percepción acústica.
2. Defínense as seguintes zonas de sensibilidade acústica:
a) Zona de alta sensibilidade acústica: comprende tódolos sectores do
territorio que admiten unha protección alta contra o ruído, como áreas
sanitarias, docentes, culturais ou espacios protexidos.
b) Zona de moderada sensibilidade acústica: comprende tódolos sectores do
territorio que admiten unha percepción do nivel sonor medio, como vivendas,
hoteis ou zonas de especial protección como os centros históricos.
c) Zona de baixa sensibilidade acústica: comprende tódolos sectores do
territorio que admiten unha percepción do nivel sonoro elevado, como
restaurantes, bares, locais ou centros comerciais.
d) Zona de servidumbre: comprende os sectores do territorio afectados por
servidumes sonoras en favor de sistemas xerais de infraestructuras viarias,
ferroviarias ou outros equipos públicos que as reclamen.
3. Cando os usos do solo ou a concorrencia de causas o xustifiquen, poderán
establecerse outras zonas específicas.
4. Enténdese por zonas saturadas aquelas que alcanzaron os máximos niveis de
ruído no exterior fixados para elas, debido a que a actividade desenvolvida
provoque a concentración de fontes sonoras ou a afluencia de público.
5. As zonas de sensibilidade acústica definiranas os concellos.
Capítulo II
Valores de recepción
Artigo 8. - Valores de recepción.
1. Os valores de recepción son os niveis de avaliación máximos recomendados no
ambiente exterior ou no interior e fíxanse en función do período horario e da
zona de sensibilidade acústica.
2. Os valores de recepción do ruído no ambiente exterior son os seguintes (todo
- los valores son L
pAeq
):
Zona de sensibilidade acústica
|
De 8:00 a 22:00 h
|
De 22:00 a 8:00 h
|
A: Alta sensibilidade
|
60 dBA
|
50 dBA
|
B: Moderada sensibilidade
|
65 dBA
|
55 dBA
|
C: Baixa sensibilidade
|
70 dBA
|
60 dBA
|
D: Servidumes e outras zonas específicas
|
75 dBA
|
75 dBA
|
Zona de servidume:
A zona de servidume sonora derivada da existencia ou previsión de focos
emisores de ruído e/ou vibracións, como poden se - las infraestructuras
viarias, as ferroviarias ou outros equipos públicos que o reclamen, será
delimitada polo órgano administrativo competente.
A zona de servidume abranguerá o territorio do contorno do foco emisor e
dilimitarase nos puntos do territorio, ou curva isófona, onde se midan os
valores guía de recepción no ambiente exterior que correspondan de acordo coas
zonas de sensiblidade acústica.
No caso de que pola zona de sensibilidade acústica, A, transcorra unha
autoestrada, a zona de servidume derivada desta comprenderá o territorio do
contorno da autoestrada ata os puntos do espacio delimitado pola curva isófona
60 dB(A).
Excepcionalmente, poderá autorizarse unha ampliación determinada de carácter
temporal e xustificada, nos niveis máximos, nuns puntos determinados do termo
municipal, atendendo eventos singulares programados, tales como celebracións,
feiras, festas ou manifestacións, ó mesmo tempo que se darán as ordes precisas
para reducir ó máximo as molestias ós cidadáns.
3. Os valores de recepción do ruído no ambiente interior son os seguintes
(todos eles L
pAeq
):
Zona de sensibilidade acústica
|
De 8:00 a 22:00 h
|
De 22:00 a 8:00 h
|
A: Alta sensibilidade
|
30 dBA
|
25 dBA
|
B: Moderada sensibilidade
|
35 dBA
|
30 dBA
|
C, D: Baixa sensibilidade e servidume
|
40 dBA
|
35 dBA
|
4. Os valores de recepción das vibracions no ambiente interior son os seguintes:
Uso do recinto afectado
|
Período
|
Curva base
|
Sanitario
|
Diurno
Nocturno
|
1
1
|
Residencial
|
Diurno
Nocturno
|
2
1,4
|
Oficinas
|
Diurno
Nocturno
|
4
4
|
Almacén e Comercial
|
Diurno
Nocturno
|
8
8
|
As curvas base son as da Fig. 5a. Vibracións en edificios, da norma ISO-2631-2.
5. Estas medicións realizaranse de acordo coas prescricións técnicas
establecidas no regulamento.
Santiago de Compostela, 11 de agosto de mil novecentos noventa e sete.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Otras normas relacionadas con el ruido
|
Página principal de
ruidos.org
|